CRTVG

Buscar

Detidos en Vigo un inspector de Facenda e un asesor fiscal por corrupción

Publicado o 17/01/2019 15:30

Foi a propia Axencia Tributaria a que presentou a denuncia na fiscalía anticorrupción. As pescudas concluíron coa detención dun inspector de Facenda da delegación de Vigo e dun asesor fiscal. Os principais delitos dos que os acusan son branqueo de capitais e aceptación de subornos.

A asesoría ofreceríase para xestionar as posibles sancións impostas de xeito cuestionable a empresas. Presuntamente operaban de xeito conxunto para repartir os beneficios.

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago dirixe a investigación e decretou o segredo de sumario. A operación desta trama de corrupción obrigou a facer rexistros en Vigo, Ourense, Tui e Ponteareas.

Ademais, outro inspector de Facenda de Vigo foi citado como testemuña. Tamén un importante empresario da cidade, xulgado e absolto de varios delitos contra a Facenda no ano 2015, considérase vítima desta trama que lle fixo perder contratos pola súa situación de investigado. A Unidade Contra o Crime Organizado da Garda Civil mantén aberta a operación, se ben non agardan novas detencións.

 

Noticias web

17/01/2019