CRTVG

Buscar

Detidos en Santiago por alterar a paternidade dun meniño

Publicado o 14/09/2018 18:37

A Policía Nacional detivo en Santiago un home e unha muller procedente de Honduras como presuntos autores dun delito de alteración da paternidade dun neonato. A investigación iniciouse a finais do mes de agosto despois de que a muller se arrepentira ao dar a luz e confesara no hospital os feitos.

A Policía Nacional cre que puido haber algún tipo de pago e continúan as pescudas. En decembro de 2017 a nai biolóxica chegou a España embarazada de catro meses procedente de Honduras.

"Dada a súa situación persoal e laboral e, tras considerar que non podía facerse cargo do bebé, decidiu dalo en adopción. Buscou en Internet e puxo un anuncio. Unha parella contactou con ela para adoptar o bebé e convencérona para que se fora a vivir con eles ata o momento do parto".

Xa no mes de xullo, a nai biolóxica residía na cidade de Santiago de Compostela xunto co home que ía adoptar o neonato e un familiar del. 

"Deu a luz en agosto e o detido que a acompañaba cubriu os papeis do hospital cos datos do acabado de nacer facendo constar os apelidos dos dous. Cando o ían inscribir no Rexistro civil a muller arrepentiuse e confesouno todo". 

Polo momento acordouse o acollemento familiar temporal do menor por parte da Xunta. A investigación continúa aberta e non se ten constancia da existencia da muller que supostamente sería a nai adoptiva do menor. O familiar do home declarou en calidade de investigado, pero non foi detido.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2018