CRTVG

Buscar

Detidos dous mozos por roubar dous vehículos en Ourense, a un dos cales lle constan 2.500 quilómetros máis

Publicado o 28/08/2019 10:10
Detidos dous mozos por roubar dous vehículos en Ourense, a un dos cales lle constan 2.500 quilómetros máis

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron dous mozos con antecedentes como supostos autores dun delito de roubo de uso de vehículo e outro delito de roubo con forza de dous vehículos, a un dos cales lle constan 2.500 quilómetros máis no seu contador desde o día da súa subtracción.  

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos que motivaron a detención sucederon o 25 de agosto cando un cidadán comunicou que lle subtraeran o seu vehículo, un Audi A-5, que se atopaba estacionado en vía pública. Vírono no Barrio de Covadonga conducido por un mozo acompañado doutro que conducía un Renault Kadjar de cor branca.  

Axentes de policía dirixíronse ao lugar e viron na praza Sandiás o vehículo detallado e ao seu lado unha furgoneta con matrícula francesa coas portas abertas e un mozo manipulando uns mandos de garaxe xunto a un monitor.  

Os policías procederon a identificar, cachear e rexistrar os vehículos, onde localizaron unha chave dun Audi Q5 tamén pertencente ao mesmo propietario, en poder do identificado, ademais de diversidade de ferramentas e catro mandos de apertura a distancia, tres chaves magnéticas de apertura de garaxes e sete chaves de apertura de turismo. Por iso, procederon á súa detención por un roubo con forza de vehículo.  

No marco da investigación, xa que despois de realizar xestións pertinentes había unha denuncia de roubo do vehículo Renault Kadjar do interior dun garaxe, constatouse que era "utilizado polo amigo do xa detido", indicaron as mesmas fontes.  

Por iso, os policías realizaron unha batida polo centro da cidade e localizaron este vehículo denunciado o día 21 de agosto e, posteriormente, o seu condutor, o cal estaba nun local nocturno e tiña as chaves do mesmo no seu peto. Así, foi detido por un delito de roubo/uso de vehículo.

Os detidos foron identificados como un home de 24 anos de idade natural do Carballiño (Ourense), ao que lle consta un arresto e 45 investigacións por parte da Guardia Civil, así con 10 reclamacións de procura e detención por diferentes xulgados da provincia.  

O outro arrestado en relación con estes feitos é un home de 28 anos de idade natural de Xinzo de Limia (Ourense), ao que lle constan 16 detencións anteriores.  

Ambos os homes pasaron a disposición xudicial este martes. O primeiro ingresou en prisión, mentres que quedou en liberdade o segundo.