CRTVG

Buscar

Detidos dous atracadores cando fuxían coa recadación dunha cafetería de Vigo

Publicado o 09/09/2019 16:30

Esta mañá, a policía detivo en Vigo dous homes como presuntos autores dun atraco nunha cafetería. Os axentes sorprenderon un deles no interior do local. O outro tentou fuxir, pero arrestárono nun parque das inmediacións. As nosas cámaras gravaron ese momento. É o cuarto roubo que se rexistra neste establecemento no último ano, e a investigación segue aberta  

É o momento en que a policía arresta un dos dous presuntos atracadores dunha cafetería de Vigo. Conseguira fuxir, pero os axentes detivérono a escasos metros do establecemento asaltado, nun parque das inmediacións. O roubo produciuse cando o negocio aínda estaba pechado ao público. Dous homes romperon un cristal e entraron por unha ventá. Estragaron unha das cámaras de seguridade para non ser gravados e colleron a caixa rexistradora e varias botellas de alcol. Sucedeu moi cedo e ningún local próximo estaba aínda aberto. Porén un veciño da zona sospeitou que se estaba a producir un roubo e alertou a Policía. A súa chamada e a activación da alarma do local permitiron unha rápida actuación dos axentes que detiveron un dos asaltantes na cafetería.

É a cuarta vez nun só ano que asaltan esta cafetería de Vigo, onde a Policía Científica traballa á procura de máis datos para completar unha investigación que continúa aberta. Non se descarta que poida haber máis persoas implicadas e a policía non confirmou se apareceu a caixa rexistradora na que había algo máis de 1.000 euros.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019