CRTVG

Buscar

Detidos catro mozos cando realizaban pintadas en dous vagóns de tren en Ortigueira

Publicado o 27/03/2019 19:03
Detidos catro mozos cando realizaban pintadas en dous vagóns de tren en Ortigueira

O equipo Roca da Compañía da Garda Civil en Ferrol e o posto de Ortigueira detiveron catro mozos, no marco da denominada operación Decoradores, cando realizaban pintadas en dous vagóns de tren estacionados na estación de Ortigueira, na Coruña.

Segundo informou o Instituto Armado, foron detidos catro mozos residentes en Madrid, Barcelona, A Coruña e Oleiros, como presuntos autores dun delito de danos, despois de ser "sorprendidos na allada cando se atopaban realizando pintadas tipo graffiti en dous vagóns de tren estacionados".

Os feitos tiveron lugar na estación de trens de Ortigueira, despois de que a Garda Civil iniciara unha operación para esclarecer a autoría doutras pintadas do mesmo tipo. Ata o momento, tense constancia de tres feitos denunciados polos mesmos motivos.  

A Benemérita apunta que as pintadas neste tipo de medios de transporte "carrexan un alto prexuízo económico para a compañía", xa que para a posta en servizo dos trens "débese realizar unha limpeza especial que elimine a coloración", engade. As mesmas fontes puntualizan que ata o momento "non se ten constancia do peritaxe dos danos".

As dilixencias instruídas en relación con estes feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 1 de Ortigueira.      

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/03/2019