CRTVG

Buscar

Detido un veciño de Arteixo por, supostamente, agredir a súa parella

Publicado o 05/06/2019 15:21
Detido un veciño de Arteixo por, supostamente, agredir a súa parella

En Arteixo, a Garda Civil prendeu nas últimas horas un home como presunto autor dun caso de violencia machista. O agresor entrou no negocio da súa ex-parella, ameazouna cunha coitela no pescozo e despois fuxiu. Pola súa banda, a vítima foi trasladada por precaución ao CHUAC e protexida pola Garda Civil ata que lograron detelo.

Os feitos aconteceron neste salón de peiteados de Vilarrodís, en Arteixo. A primeira hora da tarde, a propietaria achegouse ao negocio para abrir ao público e intres despois foi sorprendida pola súa ex-parella que, presuntamente, a agrediu tras ameazala cunha coitela no pescozo. Despois fuxiu.

Os veciños contan: "Sobre as catro e media, nós baixamos e ela estaba moi mal, moi alterada, chorando, coxa, que lle afectara o pé...".

Rapidamente, ao lugar deprazouse unha patrulla da Policía Local e tamén a Garda Civil, que trasladou a vítima ao Complexo Hospitalario da Coruña por precaución. Horas despois, contra a unha menos vinte da mañá, os axentes lograron dar co paradoiro do suposto agresor e prendérono. Daquela mesmo, a vítima xa foi dada de alta.

Arestora o home permanece detido nos calabozos do cuartel de Lonzas da Garda Civil. Está previsto que mañá pase a disposición xudicial.

Noticias web

05/06/2019