CRTVG

Buscar

Detido un suposto pedófilo que acosaba nenos de Pontevedra nunha rede social

Publicado o 10/11/2020 10:57
Detido un suposto pedófilo que acosaba nenos de Pontevedra nunha rede social

Unha denuncia presentada polas nais de dous nenos de dez anos en Pontevedra levou á detención dun home de 42 anos como suposto autor dun delito de ciberacoso sexual infantil.

O individuo, residente en Asturias, contactara con centos de menores "facéndose pasar por observador de fútbol", segundo informou a Garda Civil. Ao parecer, contactaba cos nenos a través de Instagram e solicitáballes o envío de fotografías deles.

Segundo a Garda Civil, o suposto pedófilo "estableceu unha primeira fase de achegamento encamiñado a elaborar lazos emocionais de amizade cos menores, gañando a súa confianza e conseguindo todos os datos persoais posibles dos mesmos".

Nunha segunda fase pedíalles fotografías e manter videochamadas onde, segundo o instituto armado, abordaba conversas de tipo sexual e ofrecíalles aos nenos a posibilidade de verse en persoa.

Grazas á información achegada polos menores e ao rastrexo do perfil deste individuo na rede social de Instagram, os axentes conseguiron identificalo e localizalo. Tras a detención, realizouse un rexistro no seu domicilio, onde atoparon varios teléfonos móbiles desde os que contactaba cos menores e onde se analizaron miles de arquivos e centos de mensaxes.

Desa análise constatouse que o suposto pedófilo empregaba sempre o mesmo método: contactaba con preadolescentes e adolescentes e presentábase como un descubridor de talento no ámbito do fútbol, para despois ofrecerlles a posibilidade de xogar na canteira dos principais clubs de fútbol. Máis adiante pedíalles fotos para "valorar a súa musculatura e o seu corpo" e mesmo imaxes de tipo sexual. Nalgún caso conseguiu o seu propósito.

Ademais, tamén se detectou que esta persoa chegou a desprazarse ata algunha das localidades de residencia dos nenos para establecer contacto con eles.

A operación realizouna un equipo da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, con sede en Cambados, co apoio da comandancia de Oviedo e baixo a orde do xulgado número 1 de Vilagarcía e da fiscalía de Pontevedra.