CRTVG

Buscar

Detido un sexaxenario por intentar agredir un policía que o multou por non levar máscara

Publicado o 13/08/2020 17:43
Detido un sexaxenario por intentar agredir un policía que o multou por non levar máscara

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron este xoves un home de 67 anos de idade de Barcelona como presunto autor dun delito de atentado contra a autoridade, por atacar os policías que o identificaron por non levar máscara.

Os feitos ocorreron a pasada madrugada na zona vella da cidade, cando unha dotación do 092 estaba a facer labores de vixilancia e control do uso de máscaras debido á pandemia de coronavirus.

Os axentes detectaron un home sen levar esa medida de protección e, aínda que o apercibiron, o home negouse a poñer a máscara e mostrou unha actitude hostil.

Ao preguntarlle, o home asegurou que non poñía a máscara porque é hipertenso, ao que os axentes responderon que, se fose certo, é unha persoa vulnerable e, con máis motivo, debe estar protexido.

Como o home mantivo a súa actitude, os axentes reclamáronlle a documentación e informárono de que sería proposto para sanción.

Nese momento, o sexaxenario encarouse cos policías e, sen respectar a distancia de seguridade, achegouse a un deles e tentou darlle dúas cotenadas, polo que tivo que ser reducido e detido.