CRTVG

Buscar

Detido un pai por negarse a poñer a máscara nun colexio da Coruña e intentar agredir os axentes cun bastón

Publicado o 10/09/2020 19:48

Axentes da Policía Nacional tiveron que intervir este xoves nun colexio da Coruña, no día de inicio da actividade educativa nalgúns niveis, porque un pai se negou a pór a máscara e tratou de agredir os policías que acudiron ao centro. Así o informou  o director do CEIP San Pedro de Visma, Juan Manuel Pérez, que explicou que os feitos se produciron ao redor das 09.00 horas na zona de administración xa que o pai non tiña que deixar hoxe no centro a súa filla "ao empezar este ano e ter período de adaptación".

En concreto, o problema comezou cando o home, pese ao requirimento do persoal do centro, se negou a pór a máscara polo que, segundo o relato do director, avisouse os axentes, que tamén lle solicitaron que o fixese. Con todo, desde o colexio explicaron que este se negou e colleu un bastón que estaba na zona de administración "e tentou agredir os axentes, que, ao final, o levaron esposado", precisou o director.

Por recomendación da Policía, a dirección denunciará o sucedido. O máximo responsable do CEIP San Pedro de Visma lamentou os feitos e o comportamento "bastante violento" do home nun inicio de curso que, segundo sinalou, estaba "a funcionar perfectamente" en canto ás entradas e saídas dispostas polo actual contexto de pandemia. Á marxe do sucedido, subliñou o feito de que non fose presenciado polos escolares e destacou o comportamento dos pais a pesar dos cambios introducidos.

Noticias web

10/09/2020