CRTVG

Buscar

Deteñen un mozo na Coruña pola presunta violación dunha rapaza de 17 anos

Publicado o 30/09/2021 14:07

Deeteñen na Coruña un mozo pola presunta violación dunha menor de 17 anos. O detido permanece na comisaría da Policía Nacional á espera de pasar a disposición xudicial. Está nos calabozos da comisaría de Lonzas desde a noite do martes, cando foi detido, e agárdase que esta tarde xa sexa trasladado aos xulgados para que o instrutor do caso lle tome declaración.

De momento transcenderon poucos detalles desta presunta agresión sexual. O escenario sería unha residencia de estudantes situada no barrio de Matogrande. O denunciado ten tan só 20 anos e a rapaza, 17.

A denuncia foi interposta por unha moza, usuaria da residencia de estudantes Os Lagos, do Colexio Liceo La Paz da Coruña. Os feitos ocorreron o domingo 26 de setembro. Segundo fontes próximas á investigación, o pasado martes unha rapaza menor de idade acudiu á comisaría para denunciar que sufrira unha violación.

A Policía Nacional abriu unha investigación e como froito destas primeiras indagacións onte foi detido un mozo como suposto autor do delito. O detido permanece nas dependencias da Policía Nacional. A investigación continúa aberta e está a cargo da Unidade de Atención á Familia e á Muller, o equipo policial especializado na atención ás vítimas de violencia de xénero. 

 

Noticias web

30/09/2021