CRTVG

Buscar

Detido un mozo en Ourense por saltar o confinamento e conducir sen o permiso vixente

Publicado o 05/04/2020 18:53
Detido un mozo en Ourense por saltar o confinamento e conducir sen o permiso vixente

A Garda Civil, nun dos dispositivo de control polo estado de alarma, identificou a primeira hora da tarde deste domingo un mozo de 27 anos que circulaba nun turismo por un dos accesos á cidade de Ourense. Unha vez parado o turismo, os axentes comprobaron que o varón circulaba co seu permiso de condución caducado nun vehículo que incumpría as condicións técnicas en materia de seguridade e, ademais, deu positivo no control antidrogas.

O individuo levaba o maleteiro repleto de sacos de pellets, dos que non puido acreditar a súa compra. Durante a intervención, os gardas percibiron signos sensibles vinculados ao consumo de substancias estupefacientes, polo que lle fixeron a proba de drogas e deu positivo en consumo de marihuana.

O condutor enfróntase agora a varios delitos, entre os que tamén figura circular con pneumáticos en mal estado.