CRTVG

Buscar

Detido por agredir e morder a súa parella de 15 anos en Pontevedra

Publicado o 20/08/2021 13:49

A detención do mozo de 18 anos como presunto autor dun delito de violencia doméstica aconteceu o martes contra as dez e media da noite. Persoas que andaban pola beira do río Lérez alertaron a Policía Local de que unha parella estaba pelexando preto da praia fluvial. Unha patrulla acudiu ao lugar e falou por separado cos mozos, que recoñeceron que se pegaran.

A rapaza, con sinais de trabadas na cara, ten só 15 anos. Por iso chama a atención a reacción dos seus proxenitores, como conta Manuel Omil, voceiro da Policía Local de Pontevedra: "O que nos sorprendeu foi a reacción dos pais. Ao ser unha menor chamámolos e rexeitaron presentar denuncia e incluso que fose atendida nun centro sanitario. Pero estes son delitos en que se actúa de oficio".

Despois de deter o presunto agresor, os axentes trasladárono á comisaría para tramitar as dilixencias e presentalo a declarar no xulgado. A policía lembra a importancia da colaboración cidadá para erradicar a violencia machista. 

"Os delitos de violencia de xénero ou domésticos danse en circunstancias moi especiais de relacións sentimentais en que ás veces hai dependencias económicas e ás veces non se denuncian. Por iso ten que saír da propia sociedade a denuncia para que a policía e os servizos sociais poidamos traballar e atallar canto antes este tipo de delitos".

Agresor e agredida residen nun concello lindeiro co de Pontevedra. Aos servizos sociais municipais correspóndelles facer un seguimento da situación da moza.



 

Noticias web

20/08/2021