CRTVG

Buscar

Detido un menor en Lugo acusado de ameazas cando participaba nun botellón na Praza Maior

Publicado o 25/05/2020 13:30
Detido un menor en Lugo acusado de ameazas cando participaba nun botellón na Praza Maior

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron un menor, veciño de Lugo, pola presunta implicación nunha pelexa que tivo lugar no transcurso dun botellón que estaba celebrándose en plena Praza Maior da cidade.

Os feitos sucederon o sábado pola tarde, cando cidadáns que paseaban pola Praza Maior avisaron a Policía Nacional cando viron unha pelexa con varios mozos implicados. Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Brigada de Seguridade Cidadá, onde os axentes identificaron dous mozos que se estaban encarando, para determinar cal era a causa da pelexa e comprobar se se producira algún delito.

Un dos rapaces, menor de idade, encarouse cos axentes e negouse a identificarse, polo que se lle comunicou que ía ser trasladado á comisaría provincial. Foi entón cando o rapaz, ao parecer, se puxo moi agresivo e ata chegou a agredir os axentes e a golpear o vehículo policial, tanto cando foi introducido no seu interior como durante o traxecto ata as dependencias policiais da rúa Chantada.

O menor foi detido por un delito de desobediencia, ameazas e atentado. O detido pasará hoxe a disposición xudicial.