CRTVG

Buscar

Detido un membro na brigada municipal de Lobios como presunto autor de seis incendios forestais

Publicado o 09/10/2017 18:29

Un membro da brigada municipal do Concello de Lobios, Ourense, foi detido pola Garda Civil como presunto autor de seis incendios forestais no Xurés.

Así informa a Garda Civil de Ourense nun comunicado, no que apunta que a investigación realizada no marco da Operación Lumex, xunto co testemuño de "algúns veciños", levou á detención este luns de M.G.F., veciño de Puxedo, Lobios, de 21 anos.

Durante o verán producíronse varios lumes na comarca da Baixa Limia e detectouse que os incendios foran provocados, con focos distribuídos en ladeiras de forte pendente para que se propagasen "o máis rápido posible".

Segundo sostén a Garda Civil, este membro da brigada municipal de Lobios "utilizaba o itinerario desde o seu domicilio ata a base da brigada para plantar lume", mentres "todos os incendios se producían a escasos minutos do comezo da súa xornada laboral".

De feito, cando o distrito de extinción de incendios detectaba o comezo dos lumes, o agora detido "atopábase traballando, polo que en ocasións el mesmo era desprazado a apagar o incendio que provocara". Nalgúns casos, as lapas "chegaron a pouco máis de cen metros" de vivendas, como o ocorrido en Grou, Lobios, o 22 de agosto.

O mozo pasará este martes, 10 de outubro, a disposición xudicial no xulgado de Bande (Ourense) acusado de seis delitos de incendio forestal. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2017