Detido un presunto xihadista que ía atentar na Semana Santa de Sevilla
Detido un presunto xihadista sospeitoso de planear un atentado na Semana Santa sevillana. O home foi arrestado en Marrocos. A policía rexistrou a súa casa na capital andaluza. En principio, non parece que tivese cómplices.
O presunto terrorista foi detido hai xa algúns días en Marrocos. O Ministerio do Interior non informou ata este mércores, cando a policía recibiu a autorización xudicial para rexistrar a súa casa de Sevilla. O home instalárase hai ano e medio coa súa familia nesta vivenda do barrio de Su Eminencia.
Estudaba na universidade da capital andaluza. Neste tempo, os seus veciños din que non deu problemas. Dos seus plans, a policía non deu detalles: só que presuntamente tiña previsto atentar en Sevilla. Precisamente, a celebración da Semana Santa e a proximidade das eleccións levaron o Ministerio do Interior a reforzar desde a semana pasada os medios de seguimento antiterrorista. España mantén activado desde 2015 o nivel 4 de alerta, o segundo máis alto.