CRTVG

Buscar

Detido un home que se atrincheirou e ameazou os clientes dun bar da Coruña

Publicado o 12/08/2019 18:51

A Policía Nacional detivo un home que se atrincheirou nunha cafetería do centro da Coruña. Foron precisos ata cinco axentes para reducilo xa que o home mostraba unha violencia extrema. Un dos policías mesmo tivo que facer un disparo intimidatorio coa súa arma regulamentaria porque non había maneira de tranquilizar o home.

O suceso ocorreu o sábado pola noite nesta céntrica cafetería coruñesa, próxima a unha das zonas de tapas da cidade. Segundo nos contou o dono do establecemento, o incidente comezou cando lle pediu ao home que lle pagara unha consumición que tomara con anterioridade. O propietario, que preferiu non saír diante da cámara, mostrou a súa sorpresa xa que di que era un cliente habitual que nunca dera problemas. Cóntanos de viva voz o que pasou.

Enrique Castro, propietario da cafetería: "Logo volveu, invitárono a un grolo e díxenlle que me tiña que pagar o viño. Dixo si, si, si agora che pago. Saín a atender unha persoa á terraza en cando entrei tíñao dentro da barra, quero entrar para sacalo e deume cunha botella nas costas eu saín para fóra para chamar a policía e empezou a romper todo, botellas, vasos..."

Cando chegou a policía o home estaba atrincheirado cunha violencia extrema e tiña na man un coitelo que os empregados utilizan para cortar limóns. Foron necesarios ata cinco axentes para reducilo, mesmo un deles tivo que efectuar un disparo intimidatorio coa súa arma regulamentaria.

Enrique Castro, propietario da cafetería:"Chegou a policía, díxolle que se tirara ao chan varias veces, non quixo, dispararon e el tirouse. Despois reducírono entre cinco, puxéronlle as esposas e sarárono".

Clientes habituais desta histórica cafetería coruñesa estaban hoxe sorprendidos polo suceso, xa que din que é un lugar moi tranquilo.

"Sempre foi tranquilo xa cando estaba o que morreu, Quique, e leva moitos anos isto eh!" " Nunca hai problemas, desde que veño eu por aquí" " Si, aquí nunca houbo ningún problema desde que paro eu por aquí"

O home, de 39 anos e de nacionalidade senegalesa, no ten antecedentes segundo confirmou a policía. Esta mañá pasou a disposición xudicial.

Noticias web

12/08/2019