CRTVG

Buscar

Detido o autor dun tiroteo nun supermercado de Ourense

Publicado o 11/01/2017 20:22

A rápida intervención da policía de Ourense permitiu abortar o atraco. O atracador, que conta con antecedentes policiais, xa foi apresado e atópase na comisaria á espera de prestar declaración perante o xuíz

Imos ata Ourense para coñecer máis detalles do violento suceso ocorrido nun supermercado no barrio das Lagoas, onde un home de 35 anos irrompeu cunha escopeta de caza e efectuou varios disparos. Non houbo feridos e o asaltante xa está detido.

O detido, un veciño da cidade de Ourense de 35 anos, nacido en Bilbao está xa na comisaría da Policía Nacional á espera de pasar a disposición xudicial. Tras realizar polo menos cinco ou seis disparos cunha escopeta de caza de dous canóns puido ser reducido no supermercado grazas á rápida intervención das forzas de seguridade. Na súa detención participou tamén un policía local que estaba no interior e que interviu para que o asaltante depuxese a súa actitude e se entregase. A Policía comisoulle pólvora e gasolina e 1.200 euros que colleu dunha caixa rexistradora. En hora punta co superpercado cheo de xente vivíronse momentos de moito pánico e tensión, pero por sorte non houbo feridos, os traballadores e os clientes puideron escapar. O suceso obrigou a acordoar a rúa e creou grande expectación no barrio ourensán das Lagoas. 

O supermercado, no barrio das Lagoas, estaba cheo de clientes e con máis de 20 traballadores no interior cando o home detido de 35 anos comezou a disparar cunha escopeta de caza. Vivíronse momentos de pánico e moita tensión, a xente puido escapar e algúns traballadores agocháronse nun almacén. Ninguén resultou ferido. Un Policía Local fora de servizo estaba alí e non dubidou en intervir para que cesase a súa actitude violenta. 

Di que a súa intervención a faría calquera compañeiro, a prioridade era que non houbese risco para a xente. 

Ao parecer, segundo fontes policiais o detido sofre unha enfermidade mental. É un home de 35 anos, naceu en Bilbao, veciño de Ourense que vive ao carón do supermercado e era un cliente habitual. No momento da detención levaba pólvora e unha lata de gasolina. 

O detido está na comisaria da Policia Nacional de Ourense a espera de prestar declaración perante o xuíz. Está acusado dos delitos de roubo con violencia, atentado contra a autoridade, homicidio en grao de tentativa, danos e tenza ilícita de armas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2017