CRTVG

Buscar

Detido un home que intentou atracar armado cun coitelo un estanco de Carballo

Publicado o 08/02/2019 14:37

Valor botáronlle as traballadoras dun estanco de Carballo que lograron escorrentar un individuo que intentou atracalas ameazándoas cunha arma branca. O home fuxiu, pero foi detido ao pouco, a uns 100 metros do establecemento, cando consultaba o saldo da súa conta nun caixeiro automático. Tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade con cargos.

Ocorreu pouco antes das 10 da mañá neste estanco situado na rúa Fomento de Carballo. Un individuo entrou coa cara cuberta cunha bufanda e ameazou as empregadas cunha arma branca de 6 centímetros de folla para que lle entregaran os cartos da caixa. Pero non contaba coa súa reacción. Lonxe de arredárense, enfrontáronse a el e lograron escorrentalo. O atracador fuxiu e as empregadas do estanco alertaron a Garda Civil. Trasladáronse varios axentes á zona e localizaron un individuo que respondía á descrición do presunto delincuente a uns cen metros do estanco na mesma rúa, nun caixeiro automático. Foi alí onde o detiveron. Unha testemuña relatábanos esta mañá o momento da detención.

No momento da detención, o presunto atracador estaba a consultar a súa conta bancaria no caixeiro. Foi trasladado ao cuartel e xa pasou a disposición xudicial. É un veciño da Laracha de 41 anos, sen antecedentes, e quedou en liberdade con cargos.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/02/2019