En liberdade con cargos o detido por contaxiar 22 persoas de covid en Mallorca con premeditación
O caso remóntase a xaneiro, pero a Policía Nacional de Manacor detivo agora un home de 40 anos, que causou 22 contaxios, nun caso no que se combinan a irresponsabilidade e unha certa actitude provocadora. Todo comezou porque presentaba síntomas compatibles coa covid-19 no seu centro de traballo.
"Os compañeiros comezaron a preouparse, xa que non quería marchar ao seu domicilio. Unha vez rematada a xornada laboral, como non melloraba, acudiu a unha clínica facer unha proba PCR da covid-19 e ao día seguinte acudiu de novo ao seu centro de traballo e ao ximnasio", sinala María Fernández, voceira da Policía Nacional.
No tempo que tardou en recibir os resultados da proba PCR negouse a cambiar os seus hábitos e mesmo amendrentou os compañeiros.. "Estaba traballando mesmo con máis de 40 de febre. Ante estas circunstancias os seus xefes ordenáronlle que marchase para a casa e el fixo caso omiso a estas indicacións. Os compañeiros mnifestaron que se paseaba polo local tusindo, baixando a máscara e con manifestacións do tipo: vouvos contaxiar a todos de coronavirus", explica a voceira policial.
Finalmente, contaxiou oito compañeiros, que estenderon o coronavirus entre os seus familiares. En total, 22 contaxiados, tres deles bebés; iso si, ningún grave. O detido quedou en liberdade con cargos tras declarar nun xulgado de garda.