CRTVG

Buscar

En estado grave a muller acoitelada en Granada a mans da súa ex-parella

Publicado o 17/05/2019 20:44

A muller apuñalada a mans da súa ex-parella en plena rúa de Granada permanece ingresada en estado moi grave na UCI do hospital da capital. O suposto agresor, que xa foi detido, asestoulle varias coiteladas no pescozo e na barriga.

A vítima é usuaria dunha casa de acollida para mulleres vítimas da violencia machista e ten unha filla menor de idade. Xa presentara dúas denuncias de malos tratos pero contra outras parellas anteriores. No que vai de ano son 20 as mulleres asasinadas por violencia machista.

Segundo o parte médico máis recente, o prognóstico da vítima é reservado. A agresión aconteceu nunha céntrica praza de Granada xa pola noite. A súa ex parella, de 36 anos, acoitelouna repetidamente no abdome e no pescozo. A vítima, ten 32 anos e quedou ferida grave na UCI.

O agresor foi detido pouco despois da agresión por axentes da policía, aínda coas mans cheas de sangue, e foi trasladado aos calabozos da comisaría á espera de pasar ante o xuíz durante a fin de semana.

A vítima é usuaria dunha das casas de acollida do Instituto Andaluz da Muller desde novembro do ano pasado e ten unha filla menor de idade, segundo informou a Consellería de Igualdade e Políticas Sociais, que puxo todos os recursos dispoñibles a disposición da familia e da filla, que reside cun familiar.

A muller xa presentara dúas denuncias de malos tratos pero contra outras parellas anteriores. A investigación está en mans da Unidade de Atención á Familia e Muller e do Grupo de Homicidios da Policía Nacional.

Noticias web

17/05/2019