CRTVG

Buscar

Detido un home en Vigo que levaba unha pistola de balotes e un coitelo e ía ameazando pola rúa

Publicado o 23/08/2019 15:23

Persoas que pasaban pola zona captaron cos seus móbiles o momento en que a Policía Nacional detiña un veciño de Vigo implicado na liorta. Ía armado cunha escopeta de balotes e varios coitelos. Sucedeu na rúa Martínez Garrido poucos minutos antes das dez da noite do xoves. Os veciños da zona levaron un bo susto. Algúns refuxiáronse no interior das cafeterías ao escoitar disparos e moitos berros.

Ademais a Policía confirmou que hai varias persoas identificadas pola súa suposta implicación nesta liorta e que, no momento dos feitos, portaban paus. Minutos antes da intervención policial varios veciños das inmediacións, na rúa Portela, deron a voz de alarma da presenza dun home armado. Nese lugar, o 061 confirmou o traslado dun ferido ao hospital Álvaro Cunqueiro. Puido ser o inicio desta liorta que tamén presenciaron no parque infantil do barrio de Ribeira Atienza, onde levaron un bo susto.

Algúns veciños aseguraban esta mañá que poderiamos estar ante un axuste de contas e que non é a primeira vez que hai problemas nas inmediacións. Porén, hai unha investigación policial aberta. O detido está á espera de pasar a disposición xudicial e non transcenderon datos sobre o estado da persoa ferida.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/08/2019