Deteñen un home en Ordes tras unha persecución policial tras fuxir dun control
Durante máis de unha hora as rúas de Ordes semellaban onte á noite un escenario cinematográfico. Os veciños asomados ás fiestras das suas casas non daban creto ao que vían. Un condutor ao que lle deran o alto nun control policial deuse á fuga e comezou unha persecución policial polo centro da localidade e mesmo chegaron a Oroso, en que participaron ata 6 patrullas da Garda Civil e da Policía Local.
Na sua fuxida o condutor chegou a embestir 4 veículos da Garda Civil, un da Policía Local de Ordes e 3 veículos particulares. Na persecución 4 axentes da Garda Civil quedaron lesionados leves. Lograron acurralalo na entrada de Ordes onde o fuxitivo impactou contra este veículo que estaba estacionado na rua.
Testemuñas da persecución describen cómo foi e cómo se desenvolveu finalmente a detención na estrada Nacional 550 á entrada de Ordes.
O coche do condutor fuxido permanecía esta mañá estacionado nas inmediacións da piscina municipal de Ordes. Circulou varios quilómetros xa sen pneumáticos e ten numerosos impactos de bala.
O home, un veciño de Ordes de 40 anos con antecedentes policiais, permanece detido no cuartel da Garda Civil de Milladoiro como presunto autor de dous delitos de atentado a axentes da autoridade, 2 delitos contra a seguridade por conducir de maneira temeraria e baixo os efectos de substancias estupefacientes.