CRTVG

Buscar

Detido un furtivo da Coruña cun torpedo submarino para extraer percebe

Publicado o 19/06/2019 17:06
Detido un furtivo da Coruña cun torpedo submarino para extraer percebe

A Policía Autonómica de Galicia detivo un furtivo habitual da Coruña que utilizaba un torpedo submarino para extraer percebes na zona entre Barrañán e o porto Exterior, así como a unha muller que facía labores de vixilancia.

Ao home impútaselle un delito contra a flora e a fauna pola extracción ilegal de percebe, segundo informa este mércores a Xunta. O detido empregaba equipo de submarinismo profesional e un torpedo para desprazarse baixo a auga varios quilómetros, que chegaron a superar os dez, e evitar ser localizado.

Cando chegaba á zona escollida, fondeaba o torpedo e comezaba a extracción ata que, obtida a cantidade desexada, regresaba ao momento de partida baixo a auga. A Xunta calcula que podía obter nunha xornada entre 3.000 e 5.000 euros de beneficio.

No momento da detención comisouse un vehículo, un equipo completo de submarinismo, o torpedo que empregaba para desprazarse, varios útiles para a extracción e limpeza do molusco, así como 44 quilos de percebe de gran tamaño, que en lonxa poderían alcanzar un valor de 5.200 euros. Os percebes foron entregados á residencia Padre Rubinos, unha institución benéfica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2019