CRTVG

Buscar

Detido un empregado dunha axencia de viaxes de Sarria por estafar 300.000 euros a 154 personas

Publicado o 15/07/2020 23:53
Detido un empregado dunha axencia de viaxes de Sarria por estafar 300.000 euros a 154 personas

A Garda Civil detivo, no marco da operación Toursa, un veciño da localidade lucense de Sarria como suposto autor dos delitos de estafa, apropiación indebida, falsidade documental e publicidade fraudulenta, dado que é sospeitoso de estafar a 154 persoas de toda Galicia un total de 300.000 euros. "Os presuntos feitos delituosos viñan sucedendo desde finais do pasado ano, cando o detido traballaba como empregado nunha axencia situada na localidade de Sarria", explica a Benemérita nun comunicado.

Esta persoa contactaba con veciños e amigos para ofertarlles diferentes produtos e logo eles dirixíanse directamente a el a través de programas de mensaxería instantánea para solicitarlle orzamentos de viaxes. Supostamente, nos momentos “en que se atopaba só na oficina ou mesmo fóra do seu lugar de traballo”, informaba as vítimas de que existía “unha inmellorable oferta”, pero para que se puidesen beneficiar dela debían realizar “canto antes o pagamento de gran parte do custo total da viaxe ou esa oferta desaparecería”.

Acordada a reserva, o detido facilitáballes números de contas pertencentes a dúas entidades bancarias das cales el era o único titular. Tras recibir o ingreso do importe solicitado, informaba ás vítimas de que xa se realizara a reserva e mesmo chegaba en numerosas ocasións a emitir documentos e certificados falsos en que figuraban números de localizador de viaxes e hoteis.

En moitos deles chegou a estampar o selo das axencias de operadores turísticos para simular que eran documentos reais e darlles maior confianza ás vítimas. Na axencia déronse conta da presunta mala praxe levada a cabo polo seu empregado e comezaron os problemas coas supostas reservas que simulara realizar, porque os afectados presentábanse para solicitar información acerca do seu estado e esixían a devolución do importe pago ou a confirmación da viaxe solicitada.

“No marco das investigacións e ante a situación vivida polo estado de alarma, tomouse declaración a 48 afectados a través de videochamada e formalizáronse as manifestacións en dependencias oficiais unha vez finalizou o devandito estado”, aclara a Garda Civil. O presunto autor dos feitos, que será posto a disposición xudicial nas próximas horas, devolveu unha parte do diñeiro estafado a varias das súas vítimas.