Detido un camioneiro pola súa suposta relación coa morte dun ciclista en Agolada
O condutor dun camión sospeitoso de ser o autor do atropelo mortal a un ciclista nunha estrada do municipio pontevedrés de Agolada foi detido, segundo informa a Garda Civil.
Este camioneiro, veciño de Lalín de 49 anos, foi arrestado sobre as 9:45 horas deste mércores polos supostos delito de homicidio por imprudencia e de omisión do deber do socorro.
O atropelo mortal produciuse sobre as 13:00 horas no quilómetro 147,5 da estrada N-640.
É onde morreu Alberto Vilariño, un veciño do concello de Agolada de 44 anos de idade. Circulaba na súa bicicleta onte ao mediodía en sentido á vila e neste punto apareceu tirado. Viuno outro ciclista que alertou os servizos de urxencia.
Ao lugar desprazáronse un equipo sanitario en ambulancia e outro en helicóptero, pero non puideron recuperalo.
Segundo relata José Antonio Vázquez, responsable de Protección Civil en Agolada, Vilariño facía todos os días o mesmo percorrido. O falecido era unha persoa moi coñecida no concello de Agolada, onde estivo á fronte da Concellería de Cultura oito anos.
"A bicicleta, aparentemente, estaba intacta. Quen tiña o golpe era el. Sería un coche ou camión que lle deu un golpe e que o mandou para a cuneta. Quedou un anaco dunha peza de camión que levaron os de tráfico", explica.
Esa pegada levou esta mañá á detención dun veciño de Lalín, de 49 anos de idade, como o condutor do camión que, presuntamente, de lleu o golpe que acabou custándolle a vida ao ciclista.
Atropelo mortal en Vilanova
Nas últimas horas produciuse outro atropelo mortal na provincia de Pontevedra, no municipio de Vilanova de Arousa.
Tamén neste caso os axentes policiais tratan de identificar a persoa que conducía un vehículo que atropelou unha muller na rúa Agustín Jambrina e que posteriormente continuou a marcha sen deterse.