CRTVG

Buscar

Matan unha muller de 33 anos en Oza-Cesuras na súa casa durante un intento de roubo

Publicado o 15/01/2021 22:36

• A Garda Civil detivo o sospeitoso do crime nunha leira próxima á videnda

Unha muller de 33 anos foi asasinada na tarde deste venres na súa vivenda, no municipio coruñés de Oza-Cesuras, un crime polo que xa hai detido un sospeitoso.

O suceso ocorreu pouco antes das 20 horas deste venres nunha vivenda unifamiliar situada no lugar de Porzomillos, onde residía a muller. Pouco despois do crime, axentes da Policía Xudicial da Garda Civil detiveron o sospeitoso nunha leira próxima.

Nun principio, aínda que todas as hipóteses están abertas, descártase que se trate dun caso de violencia de xénero.

Trátase dun suposto intento de roubo na casa onde a vítima, que ten un neno de dous anos, estaba nese momento soa. Ao verse sorprendida polo asaltante pediu axuda e tentou defenderse, pero cando chegaron ao domicilio xa estaba morta.

O presunto homicida deuse á fuga, aínda que foi interceptado e detido, e tras sufrir algún tipo de indisposición foi atendido nunha ambulancia e posteriormente trasladado ao hospital. "Isto non ten palabras, é unha desgraza, é desgarrador", aseverou o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González, que se achegou á vivenda familiar para trasladar o pésame á familia.