CRTVG

Buscar

Detido por segunda vez por vender xel hidroalcólico falso

Publicado o 17/08/2020 13:07

Volveu ás andadas. A Garda Civil detén de novo un investigado por vender falso xel hidroalcólico. Presuntamente rompeu o precinto policial dos envases inmobilizados nunha nave avícola en Boiro e despois foinos vender en bares de Padrón, como produto para desinfectar o chan. 

A Garda Civil acúsao de romper o precinto policial que puxeron nos arredor de 400 litros do hidroxel falso, incautado e inmobilizado nesta nave avícola do lugar de Triñáns, nun primeiro rexistro.

É un dos dous individuos naturais de Boiro que se ofrecían como químicos con ampla experiencia e que foron detidos a finais do pasado xullo pola Garda Civil na operación “Quimigel” acusados da comercialización de falso xel hidroalcohólico, que presuntamente, mesturaban con augardente e que introduciu en centros de saúde e hospitais galegos.

O detido, duns 42 anos, acolleuse ao seu dereito a non declarar no cuartel, pero si o fixo no Xulgado de Instrución Número 2 de Ribeira, que tamén leva a causa polos delitos principais.

Ao parecer, na súa declaración recoñeceu os feitos e decretouse a súa liberdade en calidade de investigado, tendo que presentarse no xulgado cada 15 días.

O detido está a ser investigado polos delitos de estafa, falsidade documental e outro contra os traballadores. Neste último caso, ao parecer, non tiña contratado legalmente a un empregado ao que usaba de condutor para que lle leva aos sitios, debido a que el carecía de permiso de conducir por perda total dos puntos.

No seu momento, os investigadores chegaron a dicir que ese falso xel hidroalcohólico carecía de poder desinfectante, xa que unicamente tiña unha porcentaxe do 25% de alcol, cando debería ter o 70 para poder matar virus.

Supostamente a empresa distribuidora carecía das autorizacións oportunas da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios para fabricar ese produto.

Malia todo, puideron vendelo evitando calquera requirimento documental e de calidade. Os investigadores lograron incautarse de 6.400 litros do produto distribuído en instalacións sanitarias de toda España.

Noticias web

17/08/2020