CRTVG

Buscar

Detido por golpear a parella nunha discusión na súa vivenda de Vigo

Publicado o 14/07/2020 13:19
Detido por golpear a parella nunha discusión na súa vivenda de Vigo

Un home acusado de golpear a súa parella nunha vivenda de Vigo foi detido por axentes da Policía Local despois de que os veciños alertasen de berros nunha aparente discusión.

A agresión produciuse cara ás 02:00 horas desta madrugada nunha vivenda da rúa Marín, e os axentes que acudiron á zona alertados polos veciños oíron os berros desde a rúa, subiron correndo as escaleiras e chamaron á porta.

Un dos membros da parella, un home de 28 anos, increpou os axentes desde o interior da vivenda e negouse nun primeiro momento a abrir a porta esixindo para iso unha orde xudicial.

Os axentes ameazaron con derrubar a porta, tras o cal el decidiu entreabrirla; entón, os axentes instárono a que deixase saír a muller para comprobaren o seu estado.

Cando accedeu, os axentes puideron comprobar que a vítima tiña numerosas marcas de pelexa, incluídas rabuñaduras no pescozo e no escote, fazulas vermellas e a pálpebra dereita algo inchada.

A moza, de 24 anos, comezou a chorar incapaz de articular palabra cando lle pediron que contase o sucedido, afirmou que non quería presentar unha denuncia e rexeitou o ofrecemento dos axentes de trasladala a un centro médico.

A vítima xustificou o seu rexeitamento alegando que estaba a atender un bebé duns sete meses e que tiña outro fillo de seis anos durmindo nun dos cuartos da vivenda.