CRTVG

Buscar

Detido por espiar as mulleres e roubar roupa interior

Publicado o 11/04/2019 17:15

Un home de 40 anos, veciño de Vilalba, foi prendido pola Garda Civil despois de, presuntamente, espiar tres mulleres que viven nesta casa da parroquia de Arcillá, en Cospeito. A dona da vivenda sorprendeu o individuo mirando pola ventá do baño, e aparentemente tentando abrila, mentres unha das súas fillas se estaba a duchar. A muller e o seu irmán perseguiron o home e avisaron a Garda Civil do acontecido. Aínda que fuxiu, foi detido polos axentes na explotación gandeira en que traballa. Pero negou que espiara a rapaza.

Mari Carmen dixo: "Imaxina chegar un día de noite e que estea el na casa. Nunca sabes o que pode pasar porque cunha persoa así é moi difícil saber o que che pode facer."

Segundo as afectadas, era habitual que o detido andara roldando polas casas tanto coa intención de espiar as mulleres como coa de roubar roupa interior feminina que logo gardaba no seu cuarto. De feito, os axentes atoparon pezas íntimas de roupa de muller cando o prenderon. Nesta vivenda xa fixera máis dunha visita polo que as súas ocupantes estaban moi preocupadas por se puidesen sufrir algunha agresión. Noutras casas tamén detectaran a presenza do individuo dende hai meses, pero non foi ata agora cando se presentou denuncia. Agora piden que se tomen medidas para que non volva molestar as mulleres.

A afectada dixo: "Queremos que nos deixe tranquilas. Non podemos estar co medo de que nos vaia facer algo ou se nos meta na casa cando non esteamos."

O detido traballou en diferentes explotacións gandeiras da parroquia, polo que coñecía ben as vivendas aínda que os veciños din que apenas se relacionaba con ninguén.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/04/2019