CRTVG

Buscar

Un vigués de 65 anos detido por dous roubos empregaba ata 10 identidades

Publicado o 15/10/2019 17:57
Un vigués de 65 anos detido por dous roubos empregaba ata 10 identidades

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un veciño da cidade, de 65 anos de idade, como presunto autor de dous atracos a punta de pistola, nunha oficina de Correos e nun supermercado. Segundo informaron fontes policiais, no caso da oficina de Correos, unha sucursal situada na rúa Jenaro de la Fuente, o sospeitoso accedeu a última hora da tarde armado cunha pistola, e esixiulles aos empregados a recadación do día. No segundo caso, o atraco cometeuse nun supermercado da rúa Hispanidade, no que un home entrou armado e ameazou ás caixeiras para que lle entregasen o diñeiro.  

En ambos feitos producíronse diversas coincidencias e as pescudas permitiron determinar que o autor dos dous atracos era o mesmo, que foi identificado pola Policía. A partir de aí, o 091 despregou un dispositivo para atopar e deter ao sospeitoso. O home foi localizado na confluencia das rúas Barcelona e Zaragoza, e varios axentes seguírono discretamente ata a rúa Castro Salcidos, onde foi interceptado e detido.  

Unha vez na comisaría, os investigadores constataron que o sospeitoso ten 28 antecedentes policiais, así como 24 requisitorias xudiciais pendentes. Así mesmo, comprobaron que este home, que xa pasou a disposición do Xulgado de Instrución 8 de Vigo, usaba ata 10 identidades diferentes.