CRTVG

Buscar

A espera de pasar a disposición xudicial o home acusado de acoitelar o seu primo na Coruña

Publicado o 10/11/2017 21:06

Un home duns cincuenta anos faleceu a pasada madrugada na Coruña acoitelado por un familiar seu. O agresor está detido, á espera de pasar a disposición xudicial.

Permanece aquí, nas dependencias da comisaría da Policía Nacional, e nas próximas horas terá que prestar declaración diante do xuíz. O home está detido por presuntamente matar a coiteladas un primo seu, en plena rúa, esta pasada madrugada. Segundo as testemuñas, os dous parentes discutiron, e no medio da rifa o agresor sacou un coitelo e cravoullo ao seu curmán no abdome.

De madrugada e en plena rúa os dous homes rifaron a berros e espertaron os veciños, que foron testemuñas directas do crime.

O home faleceu practicamente no acto. O agresor, un parente seu, fuxiu pero a Policía Local localizouno a pouco metros do lugar. Ambos, agresor e agredido, teñen entre 50 e 60 anos e son curmáns.

Os axentes localizaron no lugar dos feitos o coitelo que utilizou o agresor. A Policía Nacional investiga cal foi o móbil do crime.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/11/2017