CRTVG

Buscar

Detido o pai de Diana Quer tras acusalo a ex-muller de agredila e de tentar atropelala

Publicado o 09/10/2019 17:14

• Juan Carlos Quer quedou en liberdade con cargos

• A nai e a irmá de Diana Quer enceréllanse tras a detención

Detido o pai de Diana Quer tras acusalo a ex-muller de agredila e de tentar atropelala

Juan Carlos Quer, o pai da moza de 18 anos asasinada en agosto de 2016 polo Chicle, quedou en liberdade con cargos tras declarar ante a xuíza de Primeira Instancia e Instrución número 7 de Majadahonda, segundo informaron fontes xurídicas.

A maxistrada rexeitou as medidas cautelares solicitadas e o detido será investigado pola suposta comisión dun delito de lesións. O xulgado inhibiuse en favor do partido xudicial de Pozuelo. A declaración xudicial tivo lugar despois de que fora detido esta mañá pola Garda Civil tras unha denuncia da súa ex-muller, Diana López Pinel, por un presunto delito de violencia machista. Acusouno de golpeala no pómulo, de lesións no pulso e de intento de atropelo no garaxe da vivenda.

Pola súa banda, Juan Carlos Quer interpuxo outra denuncia antes da súa detención por inxurias e Calumnias contra a súa ex-muller na Comisaría de Policía Nacional de Pozuelo. Posteriormente, acudiu ás dependencias da Garda Civil de Majadahonda onde foi detido pola denuncia presentada por López Pinel seguindo o protocolo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para a protección das vítimas de violencia de xénero. 

No ano 2016, nunha comparecencia ante os medios, Juan Carlos Quer asegurou que ata que contraeu matrimonio "xamais" na súa vida tivera unha denuncia e "soamente por mor da demanda de divorcio que ela instou caeron 9 ou 10 denuncias". Segundo incidiu, "todas elas arquiváronse ou sobreseron".
Nos últimos anos, os pais da moza asasinada polo Chicle viñan mantendo desavinzas, especialmente relacionados coa custodia das fillas, mesmo antes de que desaparecese a súa primoxénita, en agosto de 2016, nas festas da Pobra do Caramiñal.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí