Detido en Vigo un home por inventar un atraco a punta de pistola
Detido en Vigo un home que inventou un falso atraco a punta de pistola. Asegurou ante a Policía Nacional que un individuo o ameazara e o obrigara a darlle 12.000 euros que levaba nun sobre para pagarlle a provedores da súa empresa.
O home ofreceu ante a Policía Nacional todo tipo de detalle sobre un suposto atraco na zona do Berbés, ata que todo caeu polo seu propio peso.
Afirmou que aparcara o coche e mentres respondía unha mensaxe de móbil sentiu como lle poñían unha pistola no pescozo, ao tempo que o ladrón o ameazaba para que lle dera os cartos que levaba enriba. A continuación dixo que o obrigou a entregarlle un sobre con 12.000 euros.
Todo apunta que o motivo da invención era puramente económico, e que o que quería era recuperar a través do seguro uns cartos que xa gastara. Os investigadores ataron cabos e detivérono.
Non é o único caso deste tipo investigado este ano pola Policía Nacional, tamén foron detidas outras dúas persoas por falsos secuestros e houbo numerosas denuncias por roubos de móbiles inventados.