CRTVG

Buscar

Enfróntase á Policía cunha fouce tras ameazar os pasaxeiros dun bus en Vigo

Publicado o 13/08/2019 17:14
Enfróntase á Policía cunha fouce tras ameazar os pasaxeiros dun bus en Vigo

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home como presunto autor dun delito de ameazas graves, despois de increpar os pasaxeiros dun bus urbano e ameazar cunha fouce e un coitelo a axentes policiais.  

Segundo informaron fontes do 092, os feitos ocorreron ao mediodía deste luns, cando a sala de comunicacións da Policía Local recibiu un aviso por parte dun condutor de bus urbano, que informaba sobre un individuo que estaba a bordo do autocar, golpeando o mobiliario interior e ameazando ao resto de viaxeiros.  

Os axentes desprazáronse ata o lugar dos feitos, na zona do Calvario, e observaron como o sospeitoso, ao decatarse da presenza policial, comezou a aporrear a porta do bus, esixindo que lle abrisen para baixar. Cando chegou a patrulla, o home conseguira saír do autocar, e dérase á fuga.

Os policías seguírono a pé e comprobaron que saltaba un muro cara a unha zona chea de maleza. Ao verse perseguido polos axentes, o sospeitoso seguiu saltando varias tapias a través das leiras, facendo caso omiso dos axentes, que tentaban tranquilizalo.

Finalmente, o home chegou a un terreo no que entrou nun galpón e fíxose cunha fouce e un coitelo de 12 centímetros de folla, cos que ameazou aos axentes, á vez que os insultaba. Despois de contactar coa propietaria do terreo, os axentes lograron acceder e, mentres uns policías entraban pola porta principal, outro franqueou o muro e, por detrás, puido saltar sobre o sospeitoso e reducilo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2019