CRTVG

Buscar

Detido en Vigo por abusar de decenas de menores, entre eles unha filla, unha neta e un fillastro

Publicado o 30/06/2020 13:57

Un home de 66 anos detido en Vigo por presuntos abusos sexuais a varios menores, entre eles a súa neta e o seu fillastro, está a ser investigado por decenas de casos máis. Unha persoa próxima á familia denunciou os feitos, que foron ratificados pola súa filla, que reside nos Estados Unidos. 

Este home puido abusar durante décadas de decenas de nenos e nenas. Varios deles xa deron a súa versión en dependencias da Policía Nacional de Vigo. Algunhas das vítimas que eran menores cando ocorreron os feitos teñen agora preto de 30 anos e mantiñan unha relación de veciñanza ou amizade co arrestado a través dos pais.

As investigacións iniciáronse a raíz da denuncia dunha persoa próxima, quen afirmou que a filla do detido, que reside nos Estados Unidos, quería denuncialo por abusos á súa neta cando vivían en Vigo en 2014. A policía contactou coa muller, e esta declarou que o seu pai aproveitaba as fins de semana nas que se ocupaba da neta para abusar dela, igual que o fixera con ela mesma anos atrás.

Ademais, un fillastro afirmou que o sometera a abusos sexuais durante anos, pero que non o contara por medo. O home utilizaba o seu propio domicilio e asegurábase de que os menores non lle dixesen nada a ninguén.

O pasado 19 de xuño foi detido en Vigo pola Policía Nacional, e despois de pasar a disposición xudicial, ingresou no cárcere da Lama.