Detido en Ourense un condutor por circular de xeito temerario, sen carné e baixo os efectos das drogas
Publicado o 30/06/2020 15:51

A Policía Local de Ourense detivo un condutor por circular de xeito temerario, sen carné e baixo os efectos das drogas.
Todo comezou á media mañá nun cruzamento. O condutor, de 33 anos, saltou un stop. Unha patrulla da policía viuno e deulle o alto, pero el fuxiu a toda velocidade.
A persecución prolongouse durante dous quilómetros, nos que, segundo informan os axentes, varios coches tiveron que esquivar o condutor fuxido. Finalmente, tras saltar un semáforo, a policía interceptouno nas inmediacións da zona recreativa de Oira.
Un dos axentes tivo que acceder ao vehículo para frealo. Impútanlle dous delitos: contra a seguridade viaria e resistencia á autoridade.