CRTVG

Buscar

Cinco detidos por axudar na fuxida ao home que lles botou ácido a dúas mulleres

Publicado o 16/01/2021 20:41

 

 

Foi o primeiro caso de violencia de xénero deste 2021. Sucedeu o martes en Cártama, e desde entón o agresor, coñecido como o Melillero por ser desa cidade, era o individuo máis buscado de Málaga. Nun primeiro momento conseguiu esquivar a Garda Civil despois dunha persecución durante 50 quilómetros, a 200 por hora e saltando un control policial, ata que optou por abandonar o coche e seguir a pé. Pero este venres pola noite localizárono cando circulaba en motocicleta entre Mijas e Coín. O agresor abandonou o vehículo e novamente intentou fuxir a pé. Pero os axentes deron con el nunha das vivendas que tiñan vixiadas.

Un voceiro da Garda Civil indica que "participaron máis de douscentos axentes da Garda Civil e que se puido culminar a primeiras horas de este sábado, na madrugada desta mañá coa detención".

Segundo a Garda Civil no momento do arresto non se resistiu, máis ben ao contrario. Hai ademais outros cinco detidos.

"Detivemos outras cinco persoas dentro do círculo familiar e do grupo criminal ao que supostamente pertence, que estaban preparando tanto a infraestrutura como facilitándolle comida, roupa e a posibilidade de fuxir", di o voceiro da Garda Civil.

Os investigadores están analizando os vehículos utilizados polo agresor e non descartan que haxa máis detencións. O ataque con ácido deixou a súa exparella, Sandra, de 26 anos, en estado moi grave, con queimaduras profundas no 45 por cento do corpo. A amiga que ía canda ela, Cristina, tamén está grave. Ten queimaduras no 25 por cento do corpo. O agresor conta con antecedentes por varios delitos e unha orde de afastamento doutra muller.

Noticias web

16/01/2021