CRTVG

Buscar

Detido en Madrid por abusar de varios menores facéndose pasar por axente secreto

Publicado o 25/06/2019 11:07
Detido en Madrid por abusar de varios menores facéndose pasar por axente secreto

A Policía Nacional detivo en Madrid un presunto pederasta que, facéndose pasar por un axente secreto, abusou de polo menos tres menores durante dous anos (catro ou máis veces ao mes) aos que, ademais, gravaba durante as prácticas sexuais.

O arrestado, de 49 anos, vive cos seus pais no mesmo barrio en que residen as vítimas, pero dispón dun piso moi próximo onde, presuntamente, levaba a cabo os abusos, segundo informou a Policía Nacional.

Para gañar a confianza dos menores convidábaos a xogar con videoconsolas e dáballes lambetadas ata que finalmente abusaba sexualmente deles; posteriormente, ameazábaos con utilizar a súa suposta influencia como axente secreto para deixar sen traballo os seus pais se contaban os abusos.

A investigación comezou a finais do pasado mes de xaneiro, cando os axentes tiveron coñecemento de que un mozo de 16 anos sufrira abusos sexuais entre os 12 e os 14 anos por parte dun home que lle dixo que era axente secreto. As primeiras indagacións permitiron identificar outros dous menores que tamén serían vítimas da mesma persoa. O presunto pederasta chegou a ofrecer aos menores entre dez e corenta euros por participar en xogos sexuais en que lles mostraba películas pornográficas e se masturbaba na súa presenza, ata que de forma progresiva lles realizaba tocamentos nos seus xenitais e conseguiu o acceso carnal nalgunha ocasión.

A nai dun dos menores evitou inicialmente comparecer ante a policía por temor a que o presunto pederasta puidese cumprir as ameazas que realizou ao seu fillo, pero outros dous manifestaron actos similares.

Finamente, os tres declararon que nalgunha ocasión foran gravados durante as prácticas sexuais cun dispositivo de gravación en forma de bolígrafo ao que se lle acendía unha luz vermella. Todos estes feitos sucederon durante dous anos, aproximadamente, cunha frecuencia de polo menos catro veces ao mes. O avance das investigacións permitiu a identificación do presunto autor dos mesmos e os axentes constataron que non é axente secreto nin ten relación algunha co ámbito da seguridade.

Uns días antes da súa detención foi visto por unha testemuña nas inmediacións do seu domicilio acompañado por dous nenos de 7 e 10 anos, aos que convidara a subir á súa casa para xogar á videoconsola, pero os menores preferiron continuar xogando na rúa.

O operativo policial finalizou coa detención deste presunto pederasta e co rexistro do cuarto e das zonas comúns do inmoble en que reside e do piso. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019