CRTVG

Buscar

Detido en Madrid o presunto autor do asasinato da cirurxiá do Hospital Princesa

Publicado o 19/08/2019 22:23
Detido en Madrid o presunto autor do asasinato da cirurxiá do Hospital Princesa
A Policía Nacional detivo no barrio madrileño de Carabanchel a Tomás J. R. como presunto autor do asasinato da súa parella, a cirurxiá María Pilar C. P., o pasado venres na súa casa no barrio de Tetuán. Segundo fontes da investigación, o suposto autor, que estaba desparecido desde o día do crime, foi localizado, aínda que non transcenderon máis datos da detención.
As forzas de seguridade buscaban a este home desde o pasado venres, despois de que un amigo seu alertase á Policía e facilitase aos axentes a dirección da vivenda da vítima, que tiña un fillo menor de idade. María Pilar C. P., de 49 anos, que apareceu na súa vivenda con golpes e feridas de arma branca, figuraba desde novembro pasado na base de datos de VioGen, o sistema de seguimento integral dos casos de violencia machista no que se avalía o risco das mulleres. Así mesmo, segundo fontes policiais, o agora detido fora denunciado o mesmo día do crime pola  súa ex muller nunha comisaría de Alacante por enviar ameazas a través de WhtassApp.
Os compañeiros da vítima, que traballaba no Hospital da Princesa, concentráronse este luns "consternados" e con "rabia", ao pensar "no sufrimento que debeu pasar antes de terminar en mans do seu asasino". No que vai de ano, 40 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas.
O concello de Madrid tamén gardou un minuto de silencio polo asasinato machista de María Pilar
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí