CRTVG

Buscar

Detido en Lugo un pai por violencia doméstica, que á súa vez recibiu unha malleira

Publicado o 21/09/2020 14:00

Foi buscar a súa filla de 14 anos contra a medianoite, rifoulle e ameazouna por non atender as chamadas e acabou detido e co nariz e un tímpano rotos. Sucedeulle a un pai entre as céntricas prazas de Armañá e A Soidade, no recinto histórico de Lugo. Uns mozos que pasaban polo lugar interpretaron que se trataba dun caso de violencia de xénero e decidiron tomar a xustiza pola man e darlle unha brutal malleira ao proxenitor da rapaza.

"Este home foi buscar a pequena, de 14 anos, que estaba de troula cuns amigos, e tivo unhas palabras un pouco máis subidas de ton do normal. O rapaz que acompañaba a pequena quíxose interpoñer entre os dous e uns viandantes que pasaban nese momento pensaron que se estaba producindo un episodio de violencia machista dun home cara a unha pequena, metéronse no medio e ao final acabaron nunha pelexa sete persoas".

Unha vez a policía recibiu aviso dos feitos, os axentes prenderon o pai da rapaza. Por outra parte, os seus presuntos agresores xa foron identificados, e queda agora por determinar quen lle rompeu o nariz e mais o tímpano á vítima da agresión.

"Froito da intervención, detívose, e posteriormente púxose en liberdade, o pai por un presunto delito de violencia doméstica, polas ameazas proferidas contra esa menor, e nestes momentos o grupo correspondente está facendo as investigacións para ver quen causou unhas lesións que ese pai ten nun oído e mais no nariz para determinar se foron catro as persoas que o agrediron, se foi unha ou se foron tres. Estase investigando", di Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo.

Xa en liberdade, sobre o pai da menor pesa agora un delito de violencia doméstica.

Noticias web

21/09/2020