CRTVG

Buscar

Detido en Lugo por vender droga preto dunha zona escolar

Publicado o 30/01/2020 13:54

Unha operación desenvolvida pola comisaría de Lugo desartellou un punto de venda de droga no barrio lugués da Piringalla. O dispositivo acabou coa detención dun home de 33 anos que, presuntamente, se dedicaba a vender haxix e marihuana nun lugar próximo aos centros escolares. Os axentes prendérono nas inmediacións deste aparcadoiro, onde os propios veciños da zona advertiron que estaba a desenvolver a súa actividade.

"Recibimos unhas chamadas dos veciños da zona que vían uns movementos pouco habituais de xente que non era da veciñanza. Púxose entñón en coñecemento do grupo encargado de delitos contra a saúde pública, que estivo a vixiar eses movementos e que puido comprobar que si se estaba producindo unha trasfega continua de xente que entraba e saía, á que se lle puido intervir en varias ocasións diferentes cantidades de substancias estupefacientes", di Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional.

Unha vez arrestada a persoa que supostamente se dedicaba á venda de droga, os policías obtiveron unha orde xudicial para rexistrar o seu domicilio. Alí comisáronlle 230 doses de haxix e de cánnabis, diversos útiles para o fraccionamento e o empaquetado das substancias e mais unha arma ilegal, unha pistola eléctrica.

"Nun rexistro posterior, na súa vivenda atopouse unha pastilla de haxix, parte desas 230 doses que lle requisaron, uns 525 euros en moeda fraccionada, provenientes dos pagamentos desas substancias, que rozan entre os 6 e os 9 euros por dose, e tamén lle comisaron unha pistola 'taser', un teléfono móbil e diferentes obxectos que tiña para envolver esa droga".

O detido, que tiña antecedentes por feitos semellantes, xa foi posto á disposición da xustiza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/01/2020