Detido en Galdakao tras matar a parella da súa nai
A Ertzaintza detivo un home acusado de matar a parella sentimental da súa nai e de ferir a esta de gravidade. Sucedeu na localidade biscaíña de Galdakao e todo indica que a agresión mortal se orixinou de madrugada tras unha forte discusión.
A primeira hora da mañá, o detido era trasladado por axentes da Ertzaintza ata o domiclio en que se produciu a agresión.
Segundo as primeiras investigacións, o agresor, de 33 anos, mantivera de madrugada unha forte discusión coa parella da súa nai, de 51, a quen atacou cunha arma branca.
A muller tratou de mediar entre ambos os dous, pero foi agredida tamén polo seu fillo.
Cando a Policía chegou ao domicilio, na localidade biscaíña de Galdakao, o home agredido estaba morto polas feridas graves que sufrira.
A muller quedou tamén ferida de gravidade e foi trasladada ata un hospital para ser operada de urxencia. O detido vivía coa nai e agora trátase de aclarar que foi o que motivou a discusión que derivou na agresión mortal.