CRTVG

Buscar

Detido en Ceuta o home que matou a súa parella en maio en Parla (Madrid)

Publicado o 31/10/2019 11:23
Detido en Ceuta o home que matou a súa parella en maio en Parla (Madrid)

A Policía Nacional detivo en Ceuta o home que, presuntamente, asasinou a súa parella o pasado mes de maio na localidade madrileña de Parla, segundo informou este xoves a Xefatura Superior de Policía de Madrid.

O presunto autor atopábase fuxido de España desde que cometeu o crime, e a policía soubo recentemente que estaba en Marrocos e que se ía trasladar a Ceuta, onde despregou un operativo para o seu arresto, e detívoo.

O crime descubriuse o pasado 4 de maio, cando o xefe da vítima -Juana O. M., española de 46 anos- alertou de que a muller non acudira ao seu posto de traballo desde había varios días, e os axentes determinaron que o asasino podía ser a súa parella, que xa fuxira de España.

Tras seguirlle a pista seis meses, finalmente os axentes localizárono o pasado 23 de outubro e puxérono a disposición xudicial.

O detido é E. K., marroquí de 38 anos, que estaba en maio en situación irregular en España e que conta cunha trintena de antecedentes, entre eles malos tratos contra a asasinada e contra outra muller anteriormente, ademais dunha tentativa de homicidio.

Juana denunciárao por malos tratos e un xuíz decretara contra el unha orde de afastamento de 500 metros. A muller estaba protexida polo protocolo de atención ás vítimas de violencia machista con nivel de risco baixo, segundo informaron tras o crime fontes da investigación.

Por motivos que se descoñecen, a muller volvera convivir con el e, de feito, a última detención que lle constaba a el é do pasado mes de febreiro, cando os veciños escoitaron unha pelexa no piso dela, en que un home gritaba. Ao chegar ao domicilio, a muller aseguroulles aos axentes que non había ninguén máis dentro, que non pasaba nada.

O día 4 de maio Juana foi atopada morta, con golpes e coiteladas, despois de que o seu xefe alertara de que non fora a traballar ao restaurante en que era cociñeira, preto do Concello de Parla.