CRTVG

Buscar

Detido en Alemaña un condenado por violar unha turista en Tui

Publicado o 19/02/2021 19:13
Detido en Alemaña un condenado por violar unha turista en Tui

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra comezou a tramitar a extradición, tras ser detido onte xoves en Alemaña, dun veciño de Tui condenado en marzo de 2019 a dez anos de cárcere por agredir sexualmente unha turista asturiana que pasaba a Semana Santa en Galicia.

A Audiencia emitiu o pasado 30 de novembro unha orde de detención europea e internacional para tratar de localizar o condenado, o que provocou o seu arresto en Alemaña. A sentenza desta sala, ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, considera probado que este home violou a turista asturiana, á que coñecera nun bar do Porriño próximo ao hotel onde se aloxaba na Semana Santa de 2017.

Tras a violación, a vítima conseguiu fuxir e, para evitar que a alcanzase o sospeitoso, introduciuse nunha lagoa natural, desde onde chamou ao 112.

O tribunal considera acreditado na sentenza que o imputado conseguiu que a muller subira no seu coche co pretexto de levala ao seu hotel, pero, "sen o seu coñecemento nin consentimento", trasladouna a unha zona "totalmente illada e intransitable", cuberta de maleza e árbores. Unha vez alí, segundo recóllese na sentenza, golpeouna "de forma continuada e incesante na cabeza" ata o momento en que quedou inmóbil e violouna.