CRTVG

Buscar

Detidas quince persoas por distribuír material de abuso infantil en Twitter

Publicado o 25/09/2021 11:51

Axentes da Policía Nacional detiveron quince persoas en Albacete, Badaxoz, Barcelona, As Palmas, Madrid, Málaga, Murcia, Santa Cruz de Tenerife e Ourense por distribuír material de abuso sexual infantil a través da rede social Twitter, que denunciou o feito.

Entre as arrestadas atópase un comprador de material pedófilo de extrema dureza, con imaxes e vídeos protagonizados, na súa maioría, por bebés agredidos sexualmente de xeito sádico e mediante prácticas de zoofilia. Durante a operación foron identificados dous menores.

As investigacións comezaron cando a Policía Nacional recibiu, a través da embaixada dos Estados Unidos en España, información procedente do organismo internacional Centro Nacional para Menores Desaparecidos e Explotados (NCMEC), pola suposta comisión dun delito de distribución e tenza de material de abuso sexual infantil a través de Internet levado a cabo en España.

Denuncia de Twitter

Foi a compañía Twitter quen denunciou, a través deste organismo, que varios dos seus usuarios publicaran material audiovisual de explotación sexual infantil nas súas contas, polo que procedeu de forma inmediata a bloquear e eliminar a conta dos usuarios que publicaran este contido.

Tras unha análise exhaustiva das denuncias por parte dos investigadores, logrouse a plena identificación de 21 conexións xestionadas por provedores de acceso a Internet (ISP) situados en España, desde as que se compartía material ilegal a través da mencionada rede social.

Con toda esta información, procedeuse á detención das quince persoas. Delas, catro foron detidas na provincia de Barcelona, tres na de Madrid, dúas en Málaga, e unha nas de Albacete, Badaxoz, As Palmas, Murcia, Ourense e Santa Cruz de Tenerife respectivamente.

Material pornográfico prepúbere

No transcurso dun dos rexistros efectuados na provincia de Barcelona, comprobouse que o detido, ademais de distribuír material ilegal a través das redes, levaba a cabo unha intensa actividade de procura na rede de material pornográfico infantil prepúbere. Ademais, efectuaba compras deste tipo de material na rede.

Durante o rexistro domiciliario, localizáronse diferentes directorios, algúns ocultos, que contiñan exclusivamente imaxes moi duras protagonizadas por menores de moi curta idade, a maioría bebés.

Durante a operación, os axentes interviñeron 19 teléfonos móbiles, 14 computadores portátiles, seis discos duros, catro memorias, tres tabletas, unha tarxeta de memoria e tres DVD/CD.

Denuncias 

A Policía Nacional lembra aos usuarios de calquera rede social a importancia de non compartir ou gardar este tipo de imaxes de menores, xa que estarían a incorrer na comisión dun delito. Para iso, existe a posibilidade de denunciar o contido na propia rede social ou ante Policía Nacional, mediante o correo electrónico denuncias.pornografia.infantil@policia.es.