CRTVG

Buscar

Detidas oito persoas dunha rede de ciberestafa a través de contas falsas en Vilalba

Publicado o 15/10/2019 17:30
Detidas oito persoas dunha rede de ciberestafa a través de contas falsas en Vilalba

A Garda Civil detivo oito persoas que, supostamente, formaban parte dunha "rede criminal perfectamente estruturada" para perpetrar estafas bancarias a través de Internet, en que cada un deles "tiña o seu labor claramente definido". Segundo informou a propia Garda Civil, a investigación púxose en marcha tras a denuncia de varias estafas de similares características en Barcelona, Madrid e o País Vasco.

Tras as primeiras investigacións, os axentes encargados do caso lograron identificar a varios membros da suposta "rede criminal", que se encargaban da retirada de diñeiro "de forma fraudulenta" das contas das súas vítimas, para logo ingresar esas cantidades "nas contas dalgúns compoñentes do chanzo máis baixo da organización", os denominados muleros. Posteriormente, ese diñeiro era entregado aos membros "do chanzo medio da banda".

Foron identificados oito membros, de Colombia, Marrocos, República Dominicana, Romanía e España, que "tiñan contas bancarias na localidade lucense de Vilalba, desde as cales facían as transaccións". Segundo a Garda Civil, esas transaccións ilegais chegaron a sumar uns 100.000 euros, pero só puideron dispoñer de 12.0000, dado que as súas contas foron bloqueadas por mor da investigación.

As vítimas da estafa recibían correos electrónicos nos que os membros da banda suplantaban ás entidades bancarias para conseguir mediante "engano" datos das súas contas e as claves de acceso, para posteriormente realizar "transferencias non autorizadas" de 15.000 euros que ían parar a determinados membros da organización.

A investigación e a operación que puxo en marcha a Garda Civil permitiu identificar e deter a eses oito membros da banda, pero tamén recuperar todo o diñeiro roubado, incluso os 12.000 euros que xa foran retirados do banco e que estaban ocultos nunha zona boscosa da área recreativa da Magdalena, en Vilalba. O diñeiro atopábase en sobres marcados para ser repartido entre os membros da banda. A investigación policial continúa aberta e non se descartan novas detencións en datas próximas. Todos os detidos foron postos a disposición xudicial.

Máis sobre Vilalba

Arzúa 0-0 R.Vilalbés
19/10/2020 10:16