CRTVG

Buscar

Detidas 33 persoas en altercados nas rúas de Madrid, que se repetiron noutras cidades

Publicado o 01/11/2020 14:44

Mobiliario urbano e pedras voando cara aos axentes da Policía. Sucedía en Madrid, pero é algo que se repetiu en varias cidades nunha noite accidentada.

Na capital do Estado convocárase unha manifestación para a medianoite na praza do Sol contra o toque de queda, pero o control policial nesa zona desviou as protestas e altercados cara a unha área próxima. Os violentos cortaron a Gran Vía con barricadas formadas por colectores ardendo. O resultado final: 33 detidos, algúns deles por saqueo a tendas, e 3 policías con feridas leves. O SAMUR chegou a atender 12 persoas.


Trasladámonos a Logroño. Aquí a convocatoria da protesta fíxose tamén a través das redes sociais por parte de xente anónima. As fogueiras arderon en tres das rúas máis coñecidas da cidade e a participacion foi eminentemente xuvenil.

Os sete detidos en Logroño teñen entre 15 e 24 anos e enfróntanse a cargos por desorde pública, danos e roubo con forza. "Logroño, Haro e Náxera condenamos con firmeza os actos violentos levados a cabo esta noite no seo de protestas convocadas e alentadas por grupos radicais", dixo esta mañá a presidenta da Rioxa, Concha Andreu, nunha declaración institucional.

Estas imaxes corresponden a Bilbao. Nas tres capitais de provincia vascas producíronse altercados e actos de vandalismo. Neste caso, a convocatoria foi de grupos negacionistas da covid-19. Na capital biscaíña foron detidos catro mozos, pero o rosario de arrestos sucedeuse noutras urbes: cinco en Santander e quince denunciados, sete en Valencia e dous en Burgos, entre outras.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, publicaba esta mañá en Twitter que "a conduta violenta e irracional de grupos minoritarios é intolerable".

Noticias web

01/11/2020