Detida en Santiago unha parella acusada de estafar inmigrantes con trámites de estranxeiría
A Policía Nacional abriu unha investigación a raíz das primeiras denuncias recibidas por parte de inmigrantes que se consideraban estafados por unha muller e un home que se facían pasar por avogados especializados na regularización administrativa de estranxeiros residentes en España. "Para gañar a sua confianza, en moitas ocasións concertaban reunións nas proximidades das comisarías de policía, das Unidades de Estranxeiría e fronteiras e do Rexistro civil cobrando taxas desmesuradas por trámitas que na maioría dos casos eran gratuítos", explica César Ramos, Voceiro da Policía Nacional de Santiago.
Segundo a investigación, os detidos cobraban entre 50 e 200 euros por eses trámites. Amais das denuncias dos inmigrantes, a policía recibiu tamén outra do Colexio de Avogados de Santiago que alertaba da presunta estafa e intrusismo profesional dos supostos avogados. "Os detidos pasaron a disposición do xulgado de instrución número 3 de Santiago de Compostela. Actualmente son máis de cen as vítimas só na provincia da Coruña", informa o voceiro policial.
Coa divulgación pública do caso, contan que aumente o número de denuncias. Aínda que os falsos avogados operaban sobre todo na área da Coruña e Santiago, desprazábanse tamén a outras zonas de Galicia.