CRTVG

Buscar

Detida a muller que estafaba taxistas en Santiago

Publicado o 29/05/2020 14:04

Pedíalles cambio de cinco euros que non devolvía e tampouco pagaba o servizo. A detención efectuouse despois de oito denuncias de taxistas contra unha muller que solicitou este servizo noutras tantas ocasións nos últimos meses. Trátase dunha veciña de Santiago, de 38 anos de idade, que estivo especialmente activa durante o confinamento xeral. Na comisaría compostelá contáronnos o que facía.

Felipe Rodríguez, subinspector e voceiro do CNP: "O seu modus operandi era solicitar os servizos dun taxi e unha vez introducida no coche e durante o traxecto solicitáballe ao condutor cambio de 50 euros co compromiso de devolución canda o importe da viaxe. No traxecto esa persoa, con calquera pretexto, solicitaba unha parada intermedia co compromiso de regresar ao vehículo, algo que non se producía e, en consecuencia, non pagaba o importe do servizo nin do cambio solicitado".

E cando acabou sendo coñecida entre os taxistas de Santiago, pediu o servizo doutras comarcas e provincias próximas.

Jesús García Gómez, presidente de Radio Taxi Compostela, explica: "O que fixo foi alongar as redes desa estafa e o que fixo foi chamar a compañeiros doutras proinvicas mesmo e doutras localidades, mesmo doutras provincias enganándoos e facéndoos vir ata Santiago para ela realizar a súa estafa; que era moverse aquí por Santiago para adquirir algún tipo de substancia".

"Cunha escusa moi elaborada e moi traballada que tiña, que era moi convincente, problemas con súa nai e tal, que lle pedía cambio e o que facía era, á parte de non pagar a carreira, levarche sobre 50 euros. Era o que viña estafando, máis ou menos".

A detida declarou ante o xuíz e quedou en liberdade. Segundo García Gómez: "É xente á que nunca teñen de onde quitarlle. Eu vinme nun caso que fun o único que denunciei, tiven o xuízo e non valeu para nada, aínda que foi condenada e todo, pero, a ver, non hai de onde".

Non se descarta que haxa máis afectados que os oito taxistas composteláns neste caso de estafa continuada.

Noticias web

29/05/2020