CRTVG

Buscar

A casa máis estreita de España está en Monforte e en estado ruinoso

Publicado o 16/06/2020 20:37

Unha casa rúa Armando Cotarelo de Monforte é a máis estreita de España e unha das máis estreitas de Europa, e así o recoñeceu no seu día o libro Guinness dos récords. Aínda que non é un monumento, si que chama a atención pola súa singularidade, e os veciños amósanse preocupados porque cada vez está máis deteriorada.

Aínda que inicialmente era o acceso a outra vivenda, co tempo este inmoble do centro de Monforte acabou convertido nunha casa. Concretamente na máis estreita de Europa, cos seus 140 centímetros de fachada. Logo de varias décadas deshabitada, presenta un estado de deterioración avanzada e recentemente afectárona os vendavais do mes de maio, que arrincaron parte do tellado e dos laterais. Aínda así, é posible rehabilitala e darlle algún tipo de aproveitamento turístico.

Malia estar no centro de Monforte, o certo é que se atopa bastante agochada e poucas persoas pasan por esta canella. Con todo, son moitos os turistas que acoden a tomar fotos da súa singular estrutura. Non só polo estreita que é senón tamén pola inclinación que presenta, que, de momento, non supón unha ameaza. Na zona xa se están a rehabilitar outros inmobles da mesma época.

A casa ten 20 metros de fondo e catro alturas máis baixo, polo que a súa estreiteza non significa que non dispoña de espazo. Iso si, para unha ou dúas persoas como moito.

Noticias web

16/06/2020